luns 03/08/20

Filipe VI maltrata o galego

[Xoán Costa]

Ao longo dos séculos reis e raíñas falaron galego con toda a naturalidade. Na Galiza e fóra dela. Algúns deles escreberon en galego fermosas cancións e nos momentos en que se sentiron máis sós utilizaron esta lingua para expresaren os seus desasosegos. Fíxoo Afonso X cando, cansado das traidorías da corte manifesta querer andar polas praias, anonimamente,  “vendendo azeite e farinha”. O que facía o rei Afonso, falar e escreber en galego, obedecía á realidade do País. Nada había que finxir. O rei falaba galego porque Galiza era considerada e tiña peso na corte. 

Hoxe non. O espectáculo dado polo rei Filipe VI nos actos celebrados pola Igrexa Católica neste 25 de xullo en Compostela é merecente dunha reflexión, non tanto polo que dixo, que non foi nada que non se puidese intuír, mais polo que supón de desprezo cara ao galego ao maltratar simultaneamente fonética, morfoloxía e sintaxe, nun discurso que nen sequera é capaz de asumir o que el mesmo di representar, a plurinacionalidade e o plurilingüísmo do seu reino

comentarios