Opinión

Figurantes

[Xoán Costa]

Feixoo chegou a Madrid precedido da bandeira da eficacia xestora. Mais as que aquí ficamos, e somos capaces de confrontar propaganda e realidade, vemos unha Galiza máis pobre, máis endebedada, máis desigual, máis dependente.

Ora, a etiqueta de bon xestor parece non servir para Madrid, cuxa zona centro é de circulación restrinxida quer a automóbeis quer a ideas políticas que cuestionen as actuais prevalencias de poder e o seu verniz de político moderado non resiste as inclemencias da política madrileña, identificada e superposta desde hai anos á política española. Madrid é España e esa idea é común a PSOE e a PP, por citar só as xambas da Constitución e do Tribunal que a interpreta. Por iso esa nova face de político duro que o sacrifica todo na defensa da orde constitucional é unha imaxe que interesa ao bipartidismo, á idea de España nación única e, en definitiva, aos intereses electorais –e daquela de modelo de Estado- de uns e de outros. Neste filme cada quen interpreta o seu papel, incluído o propio TC. Non sexamos nós simples figurantes.

Comentarios