Opinión

Un ferrete sobre a Agra

[Xoán Costa]

Sobre a Agra do Orzán, na Coruña, un espazo densamente poboado, construído con cemento sobre cemento, cunha única rúa peonil na que é imposíbel manter a distancia a non ser que estabelezamos a cita previa para saír á rúa, paira nestes días a alongada sombra do estigma. E todo despois de o índice de contaxios por Covid-19 se converter no máis elevado neste surto de agosto. Tal ferrete preocupa as veciñas.

A Asociación Veciñal Agra do Orzán asume que alí se sitúa a maior incidencia de Covid-19 da cidade. Lóxico, din, porque "estamos amoreados" e pregúntase se "hai moitas máis PCR feitas na Agra do Orzán que nun barrio que non estea tan habitado, como un do centro da Coruña".

Advirten da deixadez da Xunta por non asumir responsabilidades para garantir o cumprimento das medidas de seguridade no ámbito laboral, en especial, na economía somerxida e nun barrio operario. Mais de nada serven as advertencias cando se goberna desde números descontextualizados esquecendo que detrás dos números sempre hai xente, de aquí ou de acolá. 

Comentarios