Opinión

Feminismos para transformar

[María Obelleiro]

O momento feminista galego volverá saír ás rúas para reivindicar o dereito á igualdade e para exixir mudanzas de calado nun sistema que segue a oprimir as mulleres. Nos últimos anos, lográronse avances grazas ás mobilizacións feministas. Uns avances que espertaron unha dura reacción por parte das dereitas, contrarias a canto progreso hai, cunha estratexia baseada nas mentiras e no ataque.

Os esbirros das dereitas seguen aludindo, mesmo en medios de comunicación públicos, ás denuncias falsas por violencia de xénero, cando, segundo a última memoria da Fiscalía (2022), supuxeron 0,01% do total, e menten cando din que a Lei trans promove as operacións de cambio de sexo en menores e permite evadir unha condena por violencia machista mudando o sexo rexistral.

Afánanse, en definitiva, en perpetuar os privilexios dos homes, en manter o modelo de familia tradicional e en expulsar as mulleres da vida pública. Mulleres precarias que seguen sen poder despegarse do chan pegañento, que asumen duplas e triplas xornadas laborais debido a que recaen nelas os coidados -sen remunerar- e que se ven cuestionadas cando sofren unha agresión sexual. Combatamos.

Trátase de transformar en aras dunha xustiza social para as galegas, que na nosa condición de galegas e de mulleres padecemos de maneira dupla a discriminación.

Comentarios