Opinión

Feixoo, Ayuso e a familia

[Alberte Mera]

Seguindo as ensinanzas de Felipe VI, cando aproveitou o inicio do confinamento pola pandemia a 15 de marzo de 2020 para recoñecer que era sabedor de que figurou como beneficiario da empresa pantalla Fundación Lucum, a Comunidade de Madrid aproveitou o inicio dunha guerra para recoñecer que o irmán de Isabel Díaz Ayuso cobrara 283.000 euros en comisións e non os 50.000 que dixera a presidenta madrileña días antes.  

Dá igual. Feixoo defendeu onte na Xunta Directiva do PP a honorabilidade de Ayuso: "É a presidenta da Comunidade de Madrid e por tanto unha persoa honorábel que imos defender porque non nos presenta dúbidas a súa honorabilidade". É de entender que caer nunha crítica contra Ayuso, por lixeira que sexa, por permitir contratos con comisións ao seu irmán, invalidarían de facto a súa propia candidatura para liderar o partido a nivel español. Pois, como volvemos traer á luz onte neste diario, a Xunta adxudicou contratos por máis de 37 millóns de euros á empresa Eulen, da que Micaela Feixoo, irmá do presidente, é delegada para a zona noroeste do Estado. Os "disparos amigos" e os "expedientes internos" din que botaron atrás a Feixoo para presentarse no congreso que gañou Casado. Será que agora, o medo á ética pesa menos na sociedade ao Ayuso saír reforzada do escándalo das comisións?

Comentarios