mércores 08.07.2020

Feijóo, militante do estado

O eslogan de Feijóo como militante de Galiza non durou nen os cen días de graza que os usos parlamentares acostuman conceder aos presidentes após a súa investidura. Abondou que o titular do Executivo se reunise esta semana co ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, para Feijóo se revelar como o que é. Non tanto como un militante do PP, que tamén, senón como un militante do Estado español, un defensor dos seus intereses. Que son antitéticos cos de Galiza? Pois se sacrifican os da Galiza no altar das supremas necesidades do Estado. Esa é a lóxica que move o presidente da Xunta.

O encontro tiña como ponto forte da axenda a transferencia da AP9 á Xunta. Feijóo ía á cimeira respaldado por toda a lexitimidade que dá un acordo unánime do Parlamento galego. De la Serna, en troca, partía dunha posición incómoda do ponto de vista democrático, a de ser membro dun goberno que acababa de vetar a tramitación no Congreso da proposición de lei aprobada por todos os grupos no Pazo do Hórreo, unha iniciativa en orixe do BNG. Feijóo podía ir á reunión á ofensiva. Non o fixo. Nen sequer foi a empatar, por empregarmos a terminoloxía deportiva. E, claro, con esa mentalidade, o que fixo foi perder.

Feijóo podía ir á reunión co ministro de Fomento á ofensiva. Non o fixo. Nen sequer foi a empatar, por empregarmos a terminoloxía deportiva

Ao termo do encontro, Xunta e Fomento tentaron colocar á imprensa a mercadoría propagandísticas de que a AP9 sería xestionada conxuntamente por Madrid e Santiago. Isto é claramente unha burla. A cuestión chave está na titularidade da infraestrutura e na vontade de resgatar ou non a concesión. Estamos a falar dunha autoestrada que está xa amplamente amortizada e que se acha entre as máis caras do Estado, o que a torna nun factor de entorpecimento do progreso material do noso país. E nesa cuestión chave Fomento dixo que non a todo e Feijóo aceitou a negativa sen apenas reparos.

O presidente da Xunta cualificou de histórico o acordo con Fomento, ao tempo que coa boca pequena dixo manter o obxectivo da transferencia. O Estado porá máis de 5 mil millóns para resgatar as radiais madrileñas e cero euros para Galiza. Os feitos sempre desmascaran a propaganda: Feijóo é un bon militante do Estado.

comentarios