Opinión

Falar para a paz

[Alberte Mera]

A conversa de onte dos presidentes ucraíno e chinés deixou un raio de esperanza para que a guerra remate. A confirmación por parte de Beijing de que enviará unha delegación para axudar a negociar a paz entre Kíiv e Moscova fai emerxer a China -despois ademais de que hai unhas semanas presentara a súa proposta para a paz- cun novo liderado distanciado dun mundo que se obsesionou pensando que unha guerra pode rematar a base de premer o acelerador da carreira armamentísitca ou con bloqueos económicos que paga a poboación cunha alza da inflación que a está a afogar. 

Na diplomacia e no diálogo está a chave da resolución dos conflitos bélicos. Non hai outra vía efectiva. A paz non se gaña con tanques, e para iso a palabra é fundamental. 
Obvio é que a China non está á marxe desta carreira de armamento, todo o contrario -Beijing, Washington e Moscova representaron 56% do gasto militar no mundo en 2022-, mais que os presidentes Zelenski e XI Jinping falaran de paz e de negociacións con Moscova hónraos.

Que preciso sería de presidentas e presidentes que, lonxe de practicaren inxerencias, ondeen a bandeira da paz e do diálogo en zonas tan arrasadas pola guerra como o Iemen ou o Sudán. 

Comentarios