Opinión

A escola como gueto do español

[María Obelleiro]

Concordo co presidente da RAG en que cómpre ir “máis alá” do que implica o uso do idioma da aula e a importancia dos espazos de socialización “no que os mozos atopan a vida”, mais coido que nos atopamos en etapas distintas, isto é, son propostas que habería que acometer unha vez garantido o básico (o galego no ensino), que non o está. É obvio que as rapazas e rapaces, fóra da escola e tamén no patio, reciben continuamente estímulos en castelán. Socializan na lingua dominante. Todo está en castelán. Se aínda por riba chegan ás aulas e ven que o idioma propio da Galiza fica proscrito en determinadas materias... que mensaxe lles estamos lanzando? Que mensaxe lles lanzamos cando a lingua vehicular na meirande parte da etapa de ensino infantil é o español? Os centros de ensino son os principais espazos de socialización das crianzas e o corpo docente é, para o alumnado, unha referencia, como tamén o é o material didáctico que se emprega nas aulas. Que máis ten que pasar para que se derrogue o decreto do plurilingüismo?

Comentarios