Opinión

Sen ensinanzas da Covid

[Alberte Mera]

Se antonte eran as pacientes do Hospital Clínico de Santiago quen volvían dar a alarma sobre o colapso da sanidade pública galega, onte foi o informe do Defensor do Pobo estatal quen reprendeu a quen nos goberna polo deterioro do sistema sanitario. A sobrecarga do traballo no persoal sanitario prexudica a calidade e a seguridade da atención que presta, sinala o informe do Defensor, incrementando o risco para a saúde laboral das e dos propios profesionais.

O reproche chega nunha semana en que as asociacións de usuarias e usuarios da sanidade se queixaron das longas horas de agarda que pacientes graves tiveron que pasar en corredores de hospitais como o de Santiago. E tamén chega nunha semana de loita das traballadoras das residencias privadas de maiores que, após pasar os momentos máis críticos da pandemia coidando do colectivo de maior risco ante a Covid, seguen a soportar contratos laborais miserentos e altos niveis de explotación para maior beneficio das empresas e fondos de investimento que fan negocio coa vellez. E a pesar de que a Xunta orza millóns de euros para concertar miles de prazas en residenciais privadas, o Goberno galego vén de dicir que as protestas das traballadoras das residencias non son da súa competencia. Non aprendemos nada da pandemia.

Comentarios