Opinión

Enfeites

[Alberte Mera]

En Vigo aínda están a retirar os enfeites do Nadal. A cidade volveu ter as luces como menú único da “programación cultural” -con perdón- das festas. Mais hai enfeites -e falacias- que perduran alén do Nadal: os que gaban o suposto “avance económico” da Galiza a través da súa “modernización” co “pantanismo” de Franco e a súa obsesión por anegar aldeas, alterar ríos con encoros e enchernos de piñeiros e eucaliptos.

E manténdose todo iso case intacto, agora tamén se aposta no eólico para todo monte e mar da Galiza. Así, unha enerxía renovábel pasa a ser, baixo o enfeite “de verde” (greenwashing), un perigo ambiental ao se proxectaren aeroxeradores sen respectar a contorna ambiental nin as poboacións próximas. A falacia da riqueza que xeran para a poboación tanto os encoros como os aeroxeradores foi obxecto de informacións que este xornal achegou nos últimos días: a veciñanza dos concellos con máis eólicos e con máis encoros é máis pobre que a media galega. 

Aliás, hoxe este xornal informa hoxe do proxecto de Abei Energy para erguer 40 aeroxeradores a 30 km dos portos da Mariña, sobre o mar, e que afectaría uns 20 caladoiros pesqueiros. Non é o único proxecto ante a costa Mariña. De novo, o enfeite de “verde”. Ollo, mesmo a UE recoñeceu a nuclear como verde… Non nos enganen con enfeites.

Comentarios