Opinión

Emilia

[María Obelleiro] 

Hoxe fanse 100 anos do falecemento de Emilia Pardo Bazán. Unha efeméride que aproveitan ducias de institucións para reivindicar a voz da condesa, unha das sinaturas máis recoñecidas da literatura española pois, aínda que era galega de nacemento nin escribiu na lingua propia nin se identificou coa Galiza. Para mostra, a súa obra De mi tierra (1888). Podería definirse, como así facía a prensa coruñesa de finais do século XIX para se referir aos galegos e galegas que triunfaban en Madrid, como unha "galega á española".

O interese do Goberno galego, quen tamén se suma ás múltiples homenaxes á autora de Los pazos de Ulloa pola súa gran contribución ás letras españolas, non é en balde. É evidente que quere instrumentalizar a onda de Pardo Bazán para evitar que o Pazo de Meirás, que pertenceu á condesa, sexa un espazo dedicado a dignificar a memoria das persoas represaliadas polo franquismo. Feixoo, que non dá puntada sen fío, mesmo invoca o feminismo para non molestar os herdeiros do ditador (e non só nos referimos á familia).

Comentarios