domingo 26.01.2020

Editorial: Ética profesional

Unha das resolucións tomadas na asemblea da Asociación Médica Mundial, celebrada en Xenebra en setembro de 1948, foi adoptar unha declaración formal, con obxecto de que fose ratificada polo facultativo no momento de obter o título profesional. Entre esas resolucións, actualizadas en 2017 para adaptar aos tempos actuais as obrigas dos profesionais da medicina, hai unha que di: "Prometo solemnemente … facer caso omiso de credos políticos e relixiosos, nacionalidades, razas, rangos sociais e económicos, evitando que se interpoñan entre os meus servizos profesionais e o meu paciente. Solemne e espontaneamente, baixo a miña palabra de honor, prometo cumprir o antedito".

O sucedido no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, cunha médica que se nega a atender un paciente que utiliza o galego como idioma de relación, non só vulnera os dereitos lingüísticos do paciente, tamén pon en cuestión un principio fundamental de ética profesional e fai dubidar sobre as capacidades de diagnóstico da facultativa.

Editorial: Ética profesional
comentarios