Opinión

Editorial #Sermos334: Ollo coas compañías

Equivocouse de amigo Feixoo cando en vez de optar por tenderlle a man ao pobo galego en defensa da sanidade preferiu botarse ao monte coa extrema dereita nunha manifestación españolista que resultou todo un fracaso. Non é nova no presidente da Xunta esa ollada posta no que acontece en Madrid. Lembremos que xa actuaba como delegado do Goberno central cando era Raxoi quen ocupaba a Moncloa e que sempre tivo a ollada posta no salto a España.

Lonxe de se ruborizar ao manifestarse pola unidade de España con avalistas da ditadura franquista, en declaracións aos medios, o presidente da Xunta chegou a apuntar que se manifestou co PP e que “aqueles que defenden e aceptan a Constitución e a convivencia son benvidos a esta convocatoria”. Entre eses aos que o Feixoo dá a benvida atópase un partido de extrema dereita que quere acabar coa lei que protexe as vítimas da violencia machista e coas autonomías.

O presidente da Xunta demostra que gosta do cheiro a naftalina que desprende un Tribunal Supremo que xulga as presas e presos políticos cataláns nun proceso ateigado de irregularidades que constitúe o meirande ataque ás liberdades democráticas desde o franquismo. Non o merecemos. Quédanos a dignidade dos milleiros de voces que berraron “Feixoo, menos Madrid, escóitanos aquí”.

Comentarios