Opinión

E hoxe, tamén

[María Obelleiro]

É 26 de novembro, mais seguimos loitando contra as violencias machistas, en todas as súas manifestacións, nas máis evidentes, mais tamén nas máis sutís. ­A base deste grave problema estrutural atópase na desigualdade, esa que provoca que as mulleres sexamos quen padezamos duplas e triplas xornadas laborais sen a remuneración xusta. Referímonos ás tarefas de coidados, traballos esenciais para a sociedade e que non están nin visibilizados nin recompensados.

Minutos de silencio e lazos nas chaquetas non bastan. Son necesarios recursos económicos. Non se explica como aínda non se adoptou ningunha medida con perspectiva de clase para afrontar a crise provocada pola Covid-19. O grave é que Gobernos como o da Xunta decidiron meter a tesoira en igualdade. Veno de denunciar o PSdeG, que deu conta de que os orzamentos na materia son a metade que en 2009, cando Feixoo accedeu ao poder. O BNG insiste en seguir pedindo que o 1% das contas da Xunta se destine á loita contra a violencia de xénero. Serían 115 millóns de euros, case o triplo do que agora. Actúen!

Comentarios