Opinión

DI

[Xesús M. Piñeiro]

O Goberno español vén de presentar o novo DI, o documento de identidade que se empezará a expedir a partir de agosto e substituirá totalmente o actual dentro de 10 anos. Un documento que se adapta á lexislación da Unión Europea sobre identidade dixital, que incorpora o inglés e que, polo camiño, exclúe o galego, o euskera e o catalán, linguas nas que –canda o español– se expedía o DI nos correspondentes territorios desde hai 20 anos.

Sen perder de vista o debate sobre que sentido ten un documento como o DI, que non existe en moitos Estados -Reino Unido ou EUA por dar dous exemplos coñecidos-, e que foi creado no franquismo, en 1944, como ferramenta de control -sentido que mantén-; que exclúa as linguas cooficiais non deixa de ser algo esclarecedor. Galego, vasco e catalán fican fóra desa "identidade" española que se pretende plasmar no documento de identidade. 

“Eu nacín sen DNI” bouraban hai 30 anos os Fame Neghra desde o barrio de Vite, en Santiago. O idioma no que cargaban contra o cartón identificador do Estado español vai deixar de figurar no mesmo. Nin que o ministro Marlaska tomase a mal aquela canción.

Comentarios