Opinión

Desprezo á Galiza

[Alberte Mera]

Será por inxenuidade, que un estaba convencido de que a Iniciativa Lexislativa Popular debatida esta terza feira no Parlamento da Galiza para a restauración do texto fidedigno do Himno galego —sen castelanismos e outros erros de imprenta aos que foi sometido durante anos— ía contar co voto unánime de todos os grupos da Cámara para que comezase o trámite parlamentario, independentemente do que ao final votase cada formación. Non foi así. Inxenuidade a miña, quizais, porque é inexplicábel a posición que compartiron PP e PSdeG ao unísono para vetar esta ILP que chegou á Cámara da man de Vía Galega e da Federación Galiza Cultura e co apoio social de máis de 16.000 sinaturas.

A escusa máis indecente deron PP e PSdeG, aludindo a que a corrección do himno debía chegar do “consenso social” e iso conséguese, din, cunha comisión parlamentaria. É dicir, “ao caixón”. O que aconteceu onte é un desprezo maiúsculo destes dous partidos polos símbolos fundamentais da Galiza e, por tanto, un desprezo salvaxe ás galegas e aos galegos.

Espero que estas señorías sentiran vergoña ao exerceren o veto, fronte a un BNG coherente que ficou só na Cámara defendendo a ILP. Sós estiveron na Cámara, mais quente é o amplo apoio social logrado por Vía Galega e Galiza Cultura. Obrigado por tentar (e lograr máis cedo que tarde) facer xustiza coa Galiza.

Comentarios