Opinión

Desembarco do rei

[Alberte Mera]

Bribón, a embarcación do rei emérito Juan Carlos I, está preparada para que viaxe placidamente polas rías galegas. Un nome, o do barco, que en galego tería por sinónimos folgazán á vez que persoa astuta, especialmente se emprega artimañas para enganar ou cometer delitos menores. Aínda que de menores pouco terían os "presuntos" delitos do emérito de se confirmaren as acusacións que o rodean por cobro de comisións fraudulentas, lavado de cartos, ameazas á súa ex parella... Porén, sen explicacións nin arrepentimentos, o rei emérito volve ao Estado español do seu autoexilio, aterrando para iso no aeroporto de Vigo para desprazarse nunha xornada de luxoso ocio a Sanxenxo.

Moitas ganas, din, que ten de atoparse coa familia de 'sangue azul' e cos seus poderosos amigos. E faino vindo á Galiza, aplicándose os medios do Estado e mesmo o presidente da Xunta en parabenizar o Borbón por "colocar Galiza no mapa". Non é casual, coas declaracións do Goberno galego, que España e a súa monarquía sigan vendo Galiza como un lugar de recreo para a Corte Real e ás galegas e galegos como súbditos e non cidadás e cidadáns de primeira. E mentres, PSOE, PP e Vox seguen a vetar que se poida investigar o emérito. Que medo hai?

Comentarios