Opinión

Derradeiro Consello

[Alberte Mera]

Fechar etapas e iniciar vidas novas. Núñez Feixoo puxo onte o ramo á súa etapa como presidente da Xunta da Galiza presidindo o derradeiro Consello do Goberno galego. Non sabemos como se despediu dos membros do Executivo, pero si como se despediu da prensa e da cidadanía, e fíxoo como de costume, responsabilizando a outros dos problemas do seu partido e do seu Goberno.

Se as problemáticas da Galiza, como as industriais, foron para Feixoo competencia exclusiva do Estado (a pesar de a Xunta ter as competencias nesta materia), tamén é culpa doutras forzas que Xácome siga sendo alcalde de Ourense, dixo, a pesar de que é o PP quen mantén este político na Alcaldía. Tamén tirou do clásico “non teño información”, “áínda non vin”, “aínda non lin” ao que ten acostumada á prensa cando lle preguntan por algo incómodo após os Consello da Xunta. “Non lle parece censura que un medio auditado pola OXD como Nós Diario quede excluído pola Secretaría Xeral de Medios das axudas á prensa escrita da Xunta", preguntoulle onte este xornal. A resposta de Feixoo, na súa liña: “non teño información para poder contestarlle”. E iso que quen vén de denegar a axuda a este xornal é a súa (até o de onte) secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez, que agora marcha a Madrid canda Feixoo.

Comentarios