Opinión

Defendamos a Galega

[María Obelleiro]

Dignidade é a palabra que mellor define o movemento “Defende a Galega”, cuxa primeira mobilización decorreu hai tres anos. Despois de anos de denuncias de manipulación e censura, as traballadoras e traballadores da CRTVG dixeron basta e comezaron a facer público o seu malestar cos coñecidos como “Venres Negros”. Non tardaron en chegar as represalias por parte da Dirección dun ente que, segundo os seus estatutos, debería reflectir a pluralidade ideolóxica, política, cultural e social. A CRTVG coxea, sobre todo, nisto, pois semella o medio de comunicación do Goberno de Feixoo.

A promoción e difusión da cultura e lingua galegas, así como a defensa da identidade da Galiza forman parte do ADN da radio e da televisión públicas, mais non sempre se aplica. Lembremos que nos últimos tempos a Dirección do ente abriu as portas ao castelán con entrevistas a persoas que fan gala da súa galegofobia -véxase o caso do ex alcalde coruñés Paco Vázquez ou máis recentemente o de Cayetana Álvarez de Toledo- e tamén ao machismo -o do ‘Land Rober’ é o caso máis paradigmático-. Defendamos unha CRTVG de todas e todos.

Comentarios