Opinión

As decisións a tomar o 25S

As eleccións ao Parlamento da Galiza deste domingo 25S probabelmente sexan as máis decisivas e complexas dos últimos anos. En aparencia ese día as galegas e os galegos temos que tomar colectivamente unha soa decisión, a de se outorgamos ou non un novo aval de catro anos ao goberno Feijóo. Mais non é tan sinxelo. Votaremos tamén sobre o status político do país, acerca de se nos parece ben manternos nos límites do Estatuto de 1981 ou se, pola contra, pensamos que é ben pór as luces longas e encetarmos o camiño cara ao pleno autogoberno nacional.

A campaña non deu pé, infelizmente, a que se debatese en profundidade sobre o que está en xogo. E iso porque o candidato do PP, parapetado tras unha blindaxe mediática que envexaría calquera líder político na Europa occidental, apenas concedeu a opción de discutir sobre nada. A súa palabra de orde foi a mesma de principio a fin: ou eu ou o caos. Apresentouse como o candidato non do PP -desas siglas e de Rajoy fuxiu como do lume-, senón de Galiza, mais ao tempo non dubidou en voltar a atacar a lingua galega en campaña, co despropositado decreto sobre o uso do castelán por parte da Xunta, cando se tratou de lanzar unha opa sobre Cs.

Votaremos tamén sobre o status político do país, acerca de se nos parece ben manternos nos límites do Estatuto de 1981 ou se, pola contra, pensamos que é ben pór as luces longas

En Marea e PSdeG fixeron campañas intercambiábeis, situadas no campo do centro-esquerda e dunha concepción do autogoberno basicamente estatutista coa Constitución de 1978 como teito. Leiceaga tentou sobreviver á delicada situación interna do seu partido e Villares apostou nunha partitura tan moderada, de indubidábel ar institucionalista, que provocou saudades de Beiras entre as bases eleitorais de En Marea.

Por súa parte, Ana Pontón mantivo en todo momento o empeño por ligar o cambio político -a derrota de Feijóo- coa soberanía como horizonte, como chave para a mellora da vida das galegas e dos galegos. A candidata do BNG, sen dúbida a revelación da campaña, conseguiu galvanizar os sectores sociais tradicionalmente apoiantes do nacionalismo, aos que devolveu estes días a ilusión perdida.

O 25S decidimos. Fagámolo pensando na nación galega.

Comentarios