domingo 28/02/21

Decisións políticas

[María Obelleiro]

A mediados ou finais da próxima semana é posíbel que “podamos dar algún respiro” ao levantar parte das restricións adoptadas para conter a pandemia. Así o expresaba onte en declaracións aos medios o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, sen consultar co comité clínico que asesora a Consellaría de Sanidade. Máis unha demostración de que a política pesa máis que a técnica no órgano encargado de dirixir e coordinar a estratexia contra a pandemia.

Como publicara Nós Diario no seu día, en lugar de contar cos especialistas máis recoñecidos en materia de epidemioloxía, o comité clínico está formado nun 47% por cargos políticos, algúns dos cales carece de formación sanitaria. Tamén o integran as persoas responsábeis das Xerencias das sete áreas sanitarias, cargos de libre elección designados polo Goberno galego e cuxo perfil ten máis a ver coa xestión das contas e a organización da sanidade pública. Entre eles, atópase a curmá de Feixoo que acusara os sanitarios de se contaxiaren nas salas de café e o xerente que acometera o fechamento do paridoiro de Verín.

comentarios