Opinión

A débeda de Feixoo e Rueda

[Alberte Mera]

Dá igual do que se falase onte no Parlamento da Galiza. Desde o Informe da Valedora do Pobo, ás mocións e iniciativas polo reforzamento do persoal e recursos para o servizo de dependencia, para a redución das ratios no sistema educativo galego ou sobre o canon das depuradoras co que a Xunta da Galiza penaliza os Concellos. Todo foi respostado polo Partido Popular increpando o acordo polo que o Goberno estatal condonará a Catalunya parte da súa débeda en base ao pacto que ERC asinou co PSOE. O que, porén, impediu o PP onte foi unha moción, neste caso do PSdeG, que pedía coñecer a xestión da débeda pública da Galiza. Unha débeda que será condonada á Galiza na mesma proporción que a Catalunya grazas ao acordo que alcanzou o BNG no marco das negociacións para a investidura de Pedro Sánchez.

Unha débeda, a da Xunta da Galiza co Goberno do Estado, que alcanza os 9.562 millóns de euros. Aliás, o total da débeda pública galega fechou 2022 en 11.977 millóns, o que significa a contía máis alta de toda a serie histórica, iniciada en 2004, e que só se viu superada nos dous primeiros trimestres deste ano. A herdanza de Feixoo e Rueda para a Galiza foi a preferencia de endebedarse coa banca privada en vez de acudir aos recursos do Estado. Agora, axitan a rúa para tentar bloquear un acordo que condona a débeda. Nin comen nin deixan comer. E con débeda, a xente pasa fame.

Comentarios