venres 30/10/20

De cruces e provincias

[Xoán Costa]

Co mes de setembro, e despois de dezaoito entregas, rematou o coleccionábel que, da man de Héitor Picallo, nos levou por Europa adiante acompañando o evoluír do escudo da Galiza. O traballo, magnífico do ponto de vista da investigación e oportuno do ponto de vista divulgativo, puxo os ollos nunha evidencia: Galiza, aínda non posuíndo o esplendor e peso político dos séculos anteriores é, con todo, un elemento fulcral na visualización política da Europa do século XVI e o seu escudo aparece ao lado, cando non en lugar preferente, dos outro reinos que conforman os dominios do emperador. A proposta de lectura dos elementos do escudo que fai H. Picallo, en total coherencia cos avatares políticos da Europa do momento, afastando a interpretación das cruces en relación ás provincias do reino e aproximándoa aos confrontamentos relixiosos do momento, sitúa Galiza no centro do debate e devólvenos a posibilidade dunha Galiza que pode volver ser e que desde Nós Diario queremos contribuír a que sexa. 

comentarios