Opinión

Comadres

[Alberte Mera]

As persoas que participaron na votación da Real Academia Galega para escoller a palabra do ano decantáronse de forma maioritaria polo termo 'Comadres', que alén do significado que fai referencia á relación de parentesco, refírese tamén ás mulleres "que se prestan apoio para faceren fronte aos contextos adversos e que se fan tamén compaña nos bos momentos da vida". A reivindicación deste termo do feminismo enlaza coa palabra sororidade, cos afectos e coa loita e mobilización que as mulleres galegas lideran por un mundo xusto que mude de base e rache o sistema patriarcal. 

Máis comadres precisa o mundo para deixar atrás un ano marcado unha vez máis polo feminicidio, o último o da luguesa Cristina Cabo, un ano tamén marcado pola decisión dunha elite xudicial española que tanto está obsesionada por manterse no poder como por desouvir o ditame do Supremo e aplicar reducións de condenas a agresores sexuais. Para 2023, 'Comadres' en toda a Galiza das que aprendermos, como as traballadoras de Inditex que coa súa loita sindical conseguiron este mes un incremento salarial e mellora das condicións laborais marcando camiño. Palabras como estas deben callar tamén na Xunta para que campañas que culpabilizan as mulleres das violacións nunca máis se produzan. 

Comentarios