Opinión

De coches e traballo

[María Obelleiro]

Adeus á bonificación de 20 céntimos no litro de combustíbel. Desde o 1 de xaneiro deixará de ser unha axuda xeneralizada e só se beneficiarán dela os sectores do transporte, da agricultura, da gandaría e da pesca. O Executivo español pretendía limitar a subvención ás condutoras e condutores particulares coas rendas máis baixas, unha medida que, se ben sería redistributiva, resultaría difícil de levar á práctica.

O que non parece xusto é que non se atenda nin á realidade profesional nin á territorial, pois a bonificación deixa fóra milleiros de persoas autónomas que teñen no vehículo unha ferramenta imprescindíbel de traballo -como as comerciais- e aquelas que carecen de alternativa ao uso do coche, como acontece na Galiza, onde o transporte público non está igual de implementado que noutras autonomías do Estado español. 

Áreas como as que abranguen Vigo e Pontevedra e A Coruña e Ferrol continúan sen liñas ferroviarias de proximidade que permitan usar o tren como medio para desprazarse ao traballo e, porén, contan con máis habitantes que moitos dos territorios do Estado español que gozan deste servizo áxil e con frecuencias suficientes.

E se no Eixo Atlántico é difícil ter a fortuna de poder empregar o transporte público para ir ao posto de traballo, fóra del, excepto no caso da cidade de Ourense, é toda unha utopía, xa que apenas hai camiños de ferro e as liñas de autobús non ofrecen servizos competitivos.

Comentarios