xoves 28/01/21

Cinco anos

[Xesús M. Piñeiro]

Os maxistrados da Audiencia Nacional Alfonso Guevara, María Teresa García e Ana María Rubio absolveron os doce independentistas galegos procesados ao abeiro da ‘Operación Jaro’ de todas as acusacións e rexeitaron a disolución de Causa Galiza e Ceivar, como pedira a Fiscalía. Unha rotundidade tal por parte dun órgano cuxa historia non está precisamente inzada de sentenzas a prol do independentismo debería facer reflexionar a quen, na fronte política e mediática, apostou en culpar e criminalizar. 

Os 12 encausados non eran terroristas. Os 12 encausados non eran enaltecedores do terrorismo. Os 12 encausados non eran colaboradores do terrorismo. Os encausados botaron anos (5 os encausados desde a primeira operación da Garda Civil, aló a finais de 2015) nun proceso xudicial-policial e mediático que lles acarreou consecuencias persoais ou laborais. Para alén, máis un lente deformador e relato acusatorio sobre o independentismo galego foi construído nestes anos.
Malia todo iso, os 12 acusados fican absoltos. A xustiza debería ir seguida de reparación.

comentarios