Opinión

Carta recomendada

[Xoán Costa]

A Semana da prensa na escola ten como obxectivo reparar na capacidade dos xornais como ferramentas de formación e información. O xornalismo impreso, que na Galiza comeza no ano 1800 con El Catón Compostelano, se ben o seu auténtico nacemento e desenvolvemento se debe situar durante a guerra contra o francés, ten a Gazeta Marcial y Política de Santiago (1812-1813) como soporte do primeiro texto en galego.

É no seu segundo número, 5 de febreiro,  a primeira vez que consta que o galego fose empregado nunha publicación periódica.  Aquel artigo fundacional da prensa en galego, titulado Carta recomendada, é un texto de propaganda política que gaba as vantaxes das reformas liberais e defende a idea da soberanía popular fronte ao poder absoluto do monarca e ocupa da páxina 5 á 9, incluídas ambas. Son 5 páxinas sobre 12. Isto é, o 41% deste número de 1812 está escrito en galego.

En 2023 só Nós Diario edita o 100% das súas páxinas en galego e ningún xornal dos que se editan na Galiza acada aquela porcentaxe da Gazeta de 1812 e iso a pesar das avultadas axudas públicas a determinadas cabeceiras,  que tamén acaparan a publicidade institucional,  e da exclusión das axudas - mediante unha vulgar manipulación semántica do concepto “diario” primeiro pola Administración e despois pola Xustiza- deste medio.

Comentarios