Opinión

Camiños de ferro

[María Obelleiro]

Veñen de facer 150 anos da posta en funcionamento da liña ferroviaria que uniu Cornes (Compostela) e Carril (Vilagarcía). Unha efeméride que debe servir para reivindicar máis e mellores liñas ferroviarias para a Galiza, pois o fundamental non é a conexión con Madrid, senón a interna, aquela que xa beneficia milleiros de persoas traballadoras e estudantes (nomeadamente, no treito do eixo que une A Coruña e Vigo e A Coruña e Ourense, grazas á bonificación do billete) e que podería beneficiar moitas máis de haber máis liñas.

Chama a atención o dato que se recolle na información de apertura do diario: nos últimos 107 anos, o tramo A Coruña-Ferrol non foi modificado. Referímonos a un traxecto que, en tren, ten unha duración de 1 hora e 18 minutos, cando a construción dun by pass ferroviario reduciría de maneira considerábel o tempo da viaxe. Esta actuación non foi prioridade de ningún dos partidos que presidiron o Executivo estatal nas últimas décadas.

Tampouco a creación dun servizo de proximidade que una os principais núcleos de poboación -servizo do que dispoñen áreas metropolitanas españolas cun menor número de habitantes que A Coruña-Ferrol ou Vigo-Pontevedra, por exemplo-. Nin a comunicación por camiños de Ferrol do interior da Galiza (ir de tren de Lugo á capital galega leva 2 horas e 43 minutos).

Comentarios