Opinión

Cada ano, máis pobres

[María Obelleiro]

Estamos un 10% máis empobrecidas e empobrecidos que o pasado ano. A gasolina subiu máis de 65%, o encarecemento da luz chegou a 50% e o prezo do cesto da compra segue disparado. Neste contexto, o Goberno estatal anunciou onte unha nova medida anticrise: unha rebaixa do IVE que grava a electricidade do 10% actual a 5%, un "parche", en palabras da oposición.

A rebaixa no imposto indirecto chega días despois de coñecerse os beneficios históricos de Iberdrola en 2021. Mentres unhas persoas pagan a crise, outras, as menos, enriquécense, e seguen sen adoptarse actuacións valentes que impidan que uns poucos se enriquezan á custa da gran maioría da poboación. Preguntámonos nestas liñas por que o Goberno español non sobe os impostos ás eléctricas e por que a Xunta segue a inhibirse á hora de reclamar unha tarifa eléctrica diferenciada para a Galiza tendo en conta que se trata dun territorio exportador. Quizais este desleixo veña motivado pola composición dos consellos de administracións das empresas enerxéticas. E, mentres, a Galiza segue a perder poboación e faino de maneira alarmante. Unha perda que o último ano deixou 18.057 mortes máis que nacementos nun país en que emigraron 371.637 persoas desde 2009.

Comentarios