mércores 03.06.2020

Auga de castañas

[Xesús M. Piñeiro]

O estudo de seroprevalencia do Sergas para coñecer a incidencia e a evolución da COVID-19 na Galiza , que implicaba facer 100.000 tests e que no seu día Feixoo anunciou como pioneiro no Estado, vai camiño de ficar en auga de castañas.

Os datos iniciais na primeira vaga do estudo apuntan que os positivos por coronavirus na Galiza non chegan a 1%. e as profesionais falan xa abertamente de “pouca fiabilidade” . A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria e a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública,  foron dos primeiros en censurar o estudo do Sergas cando, durante moito tempo, se limitou o acceso libre ás probas para a detección precoz do coronavirus, tanto entre as usuarias como entre as profesionais da sanidade.

Todo o traballo de campo recaeu no persoal de enfermaría dos centros de saúde, sobrecargándoo. Encargáronse de contactar cos individuos seleccionados de forma aleatoria, obter o seu permiso, facerlles unha enquisa, citalos, realizarlles o test cunha punción dixital, comunicarlles o resultado e rexistralo na súa historia clínica. 

Agora, a Xunta medita suspender a segunda parte do estudo que hai menos dun mes o propio Feixoo presentaba como fundamental.

comentarios