Opinión

As armas e os silencios

[Alberte Mera]

Após Alemaña ceder á presión internacional e permitir aos Estados que lle compraron tanques Leopard poder envialos a Ucraína, o Goberno español anunciou onte que proporcionará estes carros de combate ao Exército de Vlodomir Zelenski. "España ten compromisos internacionais", dixo onte o ministro da Presidencia do Executivo español.

"Non se entendería que estiveramos noutro lugar", puntualizou. Ademais, fronte á solicitude de grupos soberanistas para que tal decisión pasase polo Congreso dos Deputados, o ministro da Presidencia considerou que esta decisión está "enmarcada no paraugas da OTAN" e que é amplamente apoiada polo Estado e o Congreso.

Para que debater sobre algo que manda a OTAN, verdade? Hai dúas verdades incuestionábeis neste Estado: as ditadas pola Constitución española e as ditadas pola OTAN. Pobre de quen se desvíe destas sagradas escrituras. 

O envío de tanques por España súmase ao fondo aprobado esta semana pola UE de 500 millóns en gasto armamentístico para Ucraína, en total 3.600 millóns gastados polos Estados da UE en armamento ademais dos 7.500 millóns que os Estados gastaron pola súa conta. Algúns chamaranme inxenuo por esta pregunta que formulo: E sería mellor tan inmenso gasto investilo en diplomacia e diálogo para a procura dunha resolución pacífica á guerra en Ucraína?

Comentarios