Opinión

A apostasía de Feixoo

[Xoán Costa]

Nos derradeiros anos Feixoo ten verbalizado en moitas ocasións a súa fe na Galiza, ás veces mesmo con emocións que parecían sinceras. Por lembrar só algunhas das súas afirmacións, en 2016 declarou que a Galiza é o mellor lugar para os nosos fillos, para os que nos han de suceder. En 2019 ofreceu a Galiza como o mellor lugar para vivir fillos e netos de emigrantes, asegurando que os agardamos "cos brazos abertos". Nese mesmo ano, no Día da Patria, nun artigo titulado "Galicia, camino y destino" volveu indicar que a Galiza é o mellor camiño, o mellor destino e un bon lugar para vivir.

Mais parece que algo mudou na fe de Feixoo, que o camiño e o destino xa non é o de antes e quere volver vivir en Madrid, "un lugar próspero que ama a liberdade". É fácil deducir, logo, que a Galiza non é próspera, non é libre, ao contrario do que nos veu dicindo durante a última década. Mentiu, pois. E agora apostata, abxura, renega, retráctase dos compromisos que el propio inventou e cualificou de irrenunciábeis. Hai maior indignidade? Hai. Facelo sendo presidente da Galiza.

Comentarios