Opinión

AP-9 galega, si pero non

[Alberte Mera]

É habitual que os partidos estatais voten no Parlamento da Galiza unha cousa e logo aposten pola contraria no Congreso español. Na anterior lexislatura chegou á Cámara Baixa española o acordo unánime do hemiciclo galego a prol de conseguir para a Galiza esta competencia, a través dunha inciativa presentada polo BNG. En Madrid, desa volta, PP e PSOE tamén deron un primeiro visto bo, aínda que acabaron por facer o debate interminábel vía presentación de emendas que rematou como rematou: co fin da lexislatura, eleccións, e agora, volta a comezar o debate no Parlamento galego para de novo elevar a proposta a Madrid e alí outra vez a comezar o proceso.

En fin, o que se coñece como enlear para dilatar a chegada de algo polo que en realidade non se aposta. Porén, as cousas veñen de mudar. Parece que o Goberno español xa non está a prol da transferencia da AP-9, segundo a Xunta da Galiza asegura que lle dixeron desde o Ministerio.

Por outra parte, onte o secretario xeral do PSdeG foi claro. A titularidade do viario dá igual, dixo. O único que lle importa ás galegas e galegos é a que as peaxes saian baratas. Menudo cambio de posición, señor Formoso. Que mágoa, aínda que se ao final ían acabar boicoteando en Madrid algo que aprobasen vostedes no Parlamento, pois mellor ir coas cartas claras sobre a mesa aos debates. 

Comentarios