Opinión

Ampliar a memoria

Xesús M. Piñeiro

O golpe de estado de 1936 freou a sangue o desenvolvemento dunha outra Galiza, unha Galiza na que as ideas transformadoras callaban en amplos sectores sociais e ían construíndo un espazo de maior liberdade, xustiza e autogoberno.

Nos últimos anos o esforzo e implicación de colectivos, organizacións e, tamén, Administracións, se ben non todas; permitiron dignificar nomes e apelidos de asasinados e represaliados, poñer rostro as persoas destruídas polo terror fascista; lembrar e honrar aquela xeración.

Este traballo inxente e abnegado fixo que moitas veces non se reparase na necesidade de recuperar, dignificar e divulgar a sociedade, a Galiza, que se estaba a intentar construír antes do golpe. 

E iso é o que se tenta completar con proxectos como ‘O pasado está por vir’, da Deputación de Pontevedra. Lembrar e reivindicar que vimos dun pobo que, lonxe da imaxe construída con clixés de atraso e individualismo; impulsaba ideas, transformacións, progreso. Non só soñaron outra Galiza, atrevéronse a construíla. Toda unha lección onte, hoxe e mañá.

Comentarios