Opinión

Aínda agora e sen violación!

[María Obelleiro]

Semella unha brincadeira de mal gusto. O Parlamento da Unión Europea aínda aprobou esta cuarta feira a primeira normativa comunitaria contra a violencia machista. Asombra que non fose aprobada antes, mais evidencia que, como sempre, a loita contra o machismo non é unha prioridade. Pero resulta máis sorprendente que a lei que esta cuarta feira viu a luz verde deixe fóra a tipificación común do delito de violación, definida como sexo sen consentimento, pola negativa de Francia, Alemaña e Hungría a incluílo, ao igual que sorprende que siga a haber Gobernos de Estados da UE que se neguen a ratificar o Convenio de Istambul e que mesmo lexislen contra os dereitos das mulleres.

Tras ser publicada a lei no Diario Oficial da UE, os Estados membros aínda disporán de tres anos para adecuar a súa lexislación á normativa comunitaria. Entre os aspectos necesarios e positivos: a norma prohibe a mutilación xenital das mulleres e o matrimonio forzoso -hai Estados que a estas alturas aínda non inclúen esta prohibición na súa lexislación-, así como actuacións contra os delitos online (difusión de material íntimo e ciberacoso, entre outros).

Efectivamente, é un paso adiante importante, mais volve acreditarse o moito que queda para a tan ansiada igualdade efectiva entre homes e mulleres.

Comentarios