Opinión

Actitude irresponsábel

[Xoán Colazo]

Dende hai dous anos a Xunta explota con grande dedicación a falla dun Goberno “amigo” no Estado para tapar a súa inoperancia e ausencia de compromiso coa solución dos problemas de Galiza. Instalada no desleixo para todo aquilo que non sexa manter o poder, bota balóns fóra e culpa calquera outro cando veñen mal dadas. Ese canear a realidade e non asumir responsabilidades é común ao conxunto do Goberno galego. Porén, a brutal crise industrial obriga o vicepresidente e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación a unha intensa actividade: non para facer propostas que resolvan problemas concretos senón para crear cortinas de fume e culpar o Estado da falla de alternativas que el non ten. Vímolo con Alcoa, o naval e tantas empresas abocadas ao despedimento de miles de traballadoras; agora repite a cantinela con Vestas. Saberá que o artigo 30 do Estatuto di que é da súa competencia exclusiva a materia de industria? Si, dado que nunca apuxo a súa inacción a non ter ferramentas abondas e está contrastada a alerxia do goberno do que fai parte a calquera demanda de maior capacidade de intervención. 

Comentarios