Opinión

A que nos vén

[Xesús M. Piñeiro]

No completo estudo ‘The future of work’, analistas e expertos debullaron para o McKinsey Global Institute o que consideran claves e escenarios para o emprego até 2030 en Europa. Fano coas luces longas postas, a través dunha análise detallada de 1.095 mercados laborais locais de toda Europa, incluídas 285 áreas metropolitanas, examinando as profundas tendencias que se desenvolveron no continente nos últimos anos e que seguirán facéndoo no futuro.

Galiza aparece nese traballo, claro, incluída no mosaico europeo dos diferentes marcos laborais. O noso país figura nas ‘shrinking regions’, rexións en retroceso. O informe destaca o noso problema demográfico e que somos, apuntan, unha ‘trailing opportunity region’, ou sexa, unha rexión con poucas oportunidades. Saco no que nos meten canda Nápoles, entre outras.

“O desenvolvemento concéntrase en Europa en 48 rexións (20% da poboación). Desde 2007 estas xeraron 43% do medre PIB da UE, 35% do medre emprego e 40% do medre poboación. As rexións en retroceso [aí está Galiza] son 30% poboación e crearon só 12% dos novos empregos”, di o estudo. E por aí seica vai ir o camiño até 2030. A que nos vén.

Comentarios