Opinión

45 días e a sombra de Mariano

[Alberte Mera]

Unha oportunidade perdida de lexislar en favor das maiorías sociais. O Congreso dos Deputados votou onte en contra de derrogar as modificacións na lexislación laboral en materia de despedimento improcedente introducidas no ano 2012, co Goberno de Mariano Raxoi; e anteriormente en 2010, con Zapatero.

Precisamente, con Raxoi pasouse dun despedimento improcedente de 45 días por ano cun tope de 42 mensualidades, a unha redución de 33 días por ano cun tope de 24 mensualidades. A reforma laboral impulsada polo actual Goberno español non alterou os retrocesos sociais nesta cuestión. 

Unha mágoa que o Congreso lexisle en contra das traballadoras e traballadores. Un Congreso ao que, por outra parte, como se denunciou onte desde os grupos soberanistas, non se lle permitiu debater nin votar o envío de tanques Leopard, carros de combate que onte o presidente do Goberno español anunciou que aumentaría de seis a dez.

A democracia trátase de debater e votar, porque entre outros motivos, do debate de seguro que saen ideas robustas para apostar polo diálogo, a intermediación e a diplomacia como vías máis prósperas para alcanzar a paz fronte á carreira armamentística na que o mundo tristemente está instalado.

Comentarios