domingo 31.05.2020

Servos e señores

: O feudalismo e as relacións internacionais actuais gardan un funcionamento moi similar

A un ano de rematar a segunda década do século XXI, estamos rodeados de tecnoloxía, en breve entraremos no 5.0, e temos interiorizado que futuro e progreso son sinónimos. Pero á hora da verdade só precisamos de rascar un pouquiño nesa primeira capa de pintura da faixa que soporta en grande a palabra modernidade para atoparmos unha realidade que verdadeiramente non ten nada a ver con esa idea que temos interiorizado.

No feudalismo a sociedade estruturábase en estamentos aos que se pertencía en función do nacemento, eran impermeábeis e rexíanse por normas moi estritas; un nobre nacía nobre e tiña prohibido traballar pois era unha deshonra. Na base estaba o povo ou terceiro estado, sabía e asumía que a súa obriga era traballar e facíano confiados en que cumprindo o seu cometido obterían o seu premio no máis alá. Era Deus o que ordenaba o mundo e ninguén podía contrariar as ordes do ser divino.

Cuba é coñecida a nivel mundial pola súa solidariedade, con ducias de milleiros de profesionais da saúde e do ensino

Nas relacións internacionais actuais podemos observar un funcionamento moi semellante ao daquel feudalismo, con actualizacións claro está, pero coa imposición dos mesmos principios.

Hai uns días EEUU cometeu un crime ao asasinar ao xeneral Qasem Soleimani, líder iraniano con importante papel na loita contra o Dáesh e unha das figuras con maior influencia na rexión. Cando se publique este artigo terán pasado quince días desde o asasinato e a EEUU non lle pasou nada; nin hai bloqueo, nin sancións económicas, nin actuacións militares da comunidade internacional, pese a estarmos diante dunha vulneración do dereito internacional cunha actuación que incrementa enormemente a tensión nunha zona do planeta estratéxica debido ás súas reservas de petróleo e gas e ao seu papel no comercio marítimo.

Segundo datos das Nacións Unidas en 2018 Israel feriu a máis de 29.000 persoas e asasinou a outras 300 na franxa de Gaza; esa matanza repítese ano a ano pero non hai nin sancións, nin bloqueos nin actuacións militares disuasorias contra un estado sionista que, como bo emulador do réxime nazi, comete un xenocidio en Palestina.

Israel pertence ao estamento da nobreza e dos privilexiados, sendo a súa encomenda guerrear contra os infieis

Cuba é coñecida a nivel mundial pola súa solidariedade, con ducias de milleiros de profesionais da saúde e do ensino que participando en brigadas solidarias en moitos estados, ao que debemos engadir milleiros de estudantes estranxeiros que se teñen formado de xeito gratuíto en medicina, ciencias da educación e outras especialidades en universidades cubanas.

Esa Cuba internacionalista sofre desde 1960 un criminal bloqueo por parte dos EEUU, que lle impide desenvolver todas as súas potencialidades e somete a importantes carencias á súa poboación.

En Brasil e Bolivia cando accede ao goberno a extrema dereita unha das primeiras medidas que adopta é a expulsión das brigadas médicas cubanas presentes en zonas ás que se negan a acudir os profesionais sanitarios nacionais e suplen as deficiencias dos sistemas sanitarios propios. Con esa expulsión asínase a condena de milleiros de persoas á enfermidade e incluso á morte por falla de coidados sanitarios.

Que EEUU é o paraíso, o seu presidente é o Deus que ordena o mundo con tal capacidade infalibilidade que incluso un dos seus presidentes –mozo, afro e atractivo- recibiu o premio Nobel da paz cando levaba só oito meses no cargo e pechou oito anos de mandato sen un só día no que EEUU non estivera participando nunha guerra.

Israel pertence ao estamento da nobreza e dos privilexiados, sendo a súa encomenda guerrear contra os infieis, e estalle permitido empregar calquera método no combate para eliminar a eses palestinos que forman parte dunha raza inferior e adoran a un deus que non é o deus verdadeiro.

O povo cubano é parte do terceiro estado, o dos non privilexiados, e como paria debe asumir o seu papel de obedecer, traballar e pagar ao señor os tributos que correspondan; caso de non facelo debe ser castigado, para que o resto tomen nota do que lle pasa a quen se nega a cumprir as normas estabelecidas.

comentarios