Opinión

A marcha de Feijóo e nós

A marcha de Núñez Feijóo a Madrid abre un novo período político en Galiza que ninguén prevía hai un par de meses, e non porque sexa unha sorpresa que o seu obxectivo político estivo sempre fóra de Galiza, senón polo breve espazo de tempo que hai entre o estoupido da crise interna que leva á dimisión de Casado e a chegada de Feijóo á presidencia do PP estatal.

O novo período político é unha oportunidade para o nacionalismo galego se segue dando pasos firmes, combinando a denuncia da grave situación social coa presentación dunha proposta alternativa, que parta da análise da nosa realidade como nación e das inmensas posibilidades de desenvolvemento que teríamos de aplicarse políticas auto-centradas e non dependentes de intereses foráneos. Pasos firmes tamén para esquivar tanto as trampas que, cada vez, serán maiores, como os nocivos efectos da propaganda que moitas veces, e debido ao inmediatismo, envolve case todo en política.  

Feijóo era o activo máis importante do PP en Galiza, e o acceso de Rueda á Presidencia da Xunta supón pasar a unha situación de relativa debilidade; tanto por non estar previsto, como pola constatación de que foi o propio Feijóo quen dirixiu o proceso de remuda, para evitar problemas e enfrontamentos internos que se albiscaban no horizonte. 

Pero erran quen xa falan de que a derrota do PP en Galiza en 2024 está garantida. Erran ao sustentar esa opinión no argumento de que Feijóo era todo no PP. Non teñen en conta, ou non queren ter en conta, a tea de araña tecida pola dereita en Galiza durante décadas.

A información "importante" non a xera a realidade que vivimos na Galiza, provén do temario imposto desde a capital do estado

O PP conta cunha importante estrutura de control social directo, en parte sustentada en persoas e entidades que dependen directamente da súa presenza no goberno dos concellos e na Xunta. E conta ademais con outra estrutura moito máis difusa á que as veces non damos importancia; son todos os transmisores da ideoloxía do sistema, sexan medios de comunicación ou persoas anónimas que axudan a crear o espellismo moi estendido de que en Galiza as cousas non van tan mal, grazas á "estabilidade" e á "moderación" presentadas como marcas propias do PP de Feijóo. Espellismo interiorizado por unha sociedade que no último decenio sufriu un proceso acelerado de desgaleguización das súas referencias informativas, proceso agravado no tempo de pandemia. 

Hoxe a información que se considera "importante" non a xera a realidade que vivimos os galegos e galegas, provén do temario imposto desde a capital do estado tanto polo PSOE como polo PP, e divulgado polos seus terminais mediáticos. Temario que vendeu a falsidade dun Feijóo moderado e enfrontado ao PP de Madrid e á extrema dereita; e que aproveitando o substrato franquista aínda presente na sociedade de que se necesita contar cunha autoridade forte, vendeu tamén a suposta estabilidade 'feijoiana' fronte á inestabilidade dun goberno de coalición como o estatal.

O nacionalismo galego ten demostrado a súa capacidade para reaxir e armarse, e hai posibilidade de dar un importante salto nas vindeiras citas electorais, municipais, estatais e autonómicas. 

Nunha época na que a política institucional e as campañas pivotan moito sobre liderados individuais, contamos con unha portavoz nacional recoñecida e valorada, á que acompañan compañeiros e compañeiras con experiencia e importante recoñecemento social.
E contamos tamén co fundamental, a ferramenta colectiva que permitiu chegar até aquí;  ferramenta que precisa sempre sumar máis pobo e mellorar o seu funcionamento, para dar máis forza a un nacionalismo que non ten vocación de ser simple recambio dentro do sistema de quendas. 

Demostramos onde temos responsabilidades de goberno, que xestionamos mellor e combatemos a corrupción. Pero rachar coa tea de araña só se consegue promovendo permanentemente o debate ideolóxico; vinculando os problemas sociais coas decisións políticas adoptadas, e vinculando a posibilidade de encamiñar unha nova senda coa posta en marcha de propostas alternativas, que partan de situar Galiza no centro da política.  Así é como se avanza no proceso de autodeterminación. 

Comentarios