Opinión

Contra a "maioría silenciosa"

O goberno español, por medio da súa vicepresidenta Soraya Sáenz de Santamaría  e do ministro de interior Jorge Fernández Díaz, diante da impresionante mobilización popular celebrada o 11 de setembro en esixencia do dereito á independencia de Catalunya recuperou o concepto da maioría silnciosa, para con el descalificar a quen participaron na cadea humana convocada pola Assemblea Nacional Catalana.

O concepto de maioría silenciosa non é novo en política, é un concepto empregado normalmente por gobernantes que só son amigos da democracia cando esta vai polo seu rego, gobernantes que desprezan a mobilización cidadá agás cando se trata de procesións de loa a eles mesmos.

Richard Nixon en novembro de 1969 apelou a esa gran maioría silenciosa para defender a guerra do Vietnam e atacar ao movemento pacifista que nos EEUU amosaba a súa oposición á mesma.

No proceso revolucionario aberto en Portugal coa revolución do 25 de abril a dereita empregou tamén o concepto de maioría silenciosa como apelo para mobilizar a sectores conservadores o 28 de setembro de 1974 en apoio ao presidente conservador António Spínola e tentando un golpe que provocara a marcha atrás no proceso revolucionario tal e como defendía Spínola.

"Fronte a esa suposta maioría silenciosa están aquelas persoas e colectivos que son quen de defender os seus dereitos e un cambio no modelo social"

E na Galiza tamén Manuel Fraga para descalificar a marea de dignidade que se mobilizou en esixencia de responsabilidades pola catástrofe do Prestige falou dunha maioría silenciosa que ficaba na casa.

Fronte a esa suposta maioría silenciosa están aquelas persoas e colectivos que son quen de defender os seus dereitos e un cambio no modelo social; as sufraguistas, o movemento contra a escravitude, o primeiro movemento obreiro, a defensa dos sinais de identidade dos pobos, o movemento pacifista.... todos nos seus inicios non contaban con máis dunha ducia ou como moito unha centena de activistas. 

E eses movementos levaron sempre o vento de cara e non só o vento senón tamén o desprezo, a represión e en moitos casos a morte. Pero eses movementos inicialmente minoritarios foron quen de mudar a sociedade enfrontándose  no seu tempo aos argumentos de maiorías silenciosas.

"Para dar resposta e eses problemas de emprego, de vivenda, de precarización das condicións de vida, etc..., é fundamental contarmos con soberanía que nos permita decidir sobre o noso futuro".

O vindeiro día 15 celebrarase en Compostela unha mobilización convocada polo BNG baixo o lema Por unha patria soberana, mobilización que vén sendo atacada desde diversos espectros porque segundo nos din non atende aos verdadeiros problemas que hoxe ten a xente. Pero hoxe cada vez está máis claro que para dar resposta e eses problemas de emprego, de vivenda, de dereitos sociais e laborais arrebatados, de precarización das condicións de vida, etc..., é fundamental contarmos con soberanía que nos permita decidir sobre o noso futuro.

Virán o propio día 15 e en días posteriores co discurso da maioría silenciosa, pero os milleiros de persoas que temos intención de participar nesa marcha debemos ser conscientes de que é un paso máis; como outros moitos que temos dado ao longo de anos e non poucas veces coa inicial incomprensión da maioría;  un paso para sumar pobo na defensa do dereito de Galiza a existir.

Comentarios