domingo 17/01/21

Irán e Venezuela, moito máis que a gasolina

A unha persoa despistada que non faga seguimento da realidade internacional, a chegada de cinco buques iranianos ás costas venezolanas transportando gasolina pode semellarlle algo rocambolesco, pois o traxecto foi de 18.600km sendo de coñecemento xeral que o estado caribeño é un gran produtor de petróleo. Pero detrás do curioso episodio dos cinco buques hai moito máis que combustíbel, repostos ou produtos necesarios para reactivar o refinado do petróleo e volver a producir Venezuela a súa proia gasolina.

Irán e Venezuela, considerados polos EEUU parte do famoso eixo do mal e acusados de financiar o terrorismo, non son socios circunstanciais que empezaran a ter relacións por estaren no punto de mira da política agresiva do Departamento de Estado dos EEUU. Manteñen importantes relacións comerciais desde os anos sesenta do século pasado, cando participaron na creación da OPEP, xunto con Iraq, Arabia Saudí e Kuwait; feito que permitiu a Venezuela manter sempre importantes canles de comunicación cos países árabes sen ser impedimento as importantes diferenzas políticas existentes con moitos deles.

As relacións irano-venezolanas estreitaríanse coa chegada de Hugo Chávez ao poder, deseñando en 2006 unha importante alianza estratéxica bilateral partindo da sinatura de acordos e convenios de colaboración que permitiron a Venezuela contar coa colaboración tecnolóxica dos persas. Esta alianza, cun importante pilar económico derivado da condición de seren dos maiores produtores de petróleo do planeta, contaba e conta cun pilar político igual de importante na necesidade dun apoio recíproco fronte á inxerencia norteamericana. Pese a tratarse de sistemas políticos que non teñen apenas coincidencias entre si, nunca foron útiles nin dóciles aos intereses das distintas Administracións norteamericanas, tanto demócratas como republicanas.

Ambos os estados están sometidos desde hai anos a medidas criminais de bloqueo das súas economías, bloqueos con importantes consecuencias sociais agravadas neste tempo de COVID-19. Bloqueos criticados incluso polo secretario xeral da ONU, o portugués Antonio Guterres nada sospeitoso de ser pro-chavista ou admirador do réxime dos aiatolás. Bloqueos denunciados recentemente no parlamento do Estado español polo BNG nunha iniciativa que esixía un posicionamento condenatorio por parte do Estado español deses e do resto de bloqueos existentes no planeta e avogaba pola cooperación internacional na loita contra o coronavirus, poñendo como exemplo desa necesaria cooperación a actuación de Cuba.

O pasado 12 de abril a OPEP realizou unha importante reunión na que os seus membros se comprometeron a limitar as extraccións de petróleo para os vindeiros dous anos, buscando así parar a brusca caída de prezos, e nesa decisión Irán e Venezuela volveron aparecer unidos ao quedar, por acordo unánime, fóra da redución de produción; atendendo ao feito de que levan tempo con importantes reducións involuntarias de produción debido aos graves problemas que sofren as súas industrias petrolíferas como consecuencia das sancións.

Estes son só algúns datos ao respecto dunha relación que se remonta a décadas entre ambos os estados, pero poderíamos traer aquí máis acordos, que nun mundo normal non deberían estrañar ninguén, dado que se producen en función dos intereses lexítimos de dous estados que comparten intereses petrolíferos e non levan adiante unha política agresiva no ámbito internacional.

Defender o dereito de Venezuela e Irán a manter as relacións económicas e políticas que consideren beneficiosas para os seus intereses non leva aparellado considerar a teocracia iraniana un réxime político progresista ou deixar de denuncialo. Pero quen defendemos un mundo multipolar debemos alegrarnos por esta operación; os cinco buques iranianos son un importante respiro para a afogada Venezuela, e obrigaron ao imperio a dar marcha atrás, incumprindo as súas ameazas aínda que só fóra de xeito momentáneo.

comentarios