Opinión

François Hollande e as cornamentas

Moitos pregúntanse nestes días como pode ser que o presidente francés François Hollande teña tempo para poñerlle os cornos á súa actual parella  a xornalista Valérie Trierweiter  coa actriz Julie Gayet, e xunto con esa referencia á falla de tempo que se lle presupón ao máximo mandatario dunha potencia mundial que debe andar enfrascado en centos de cuestións urxentes e importantes propias da súa xestión, tamén  hai quen a esa pregunta engade outra nun ton de non disimulada envexa ao interrogarse sobre cales serán as cualidades amatorias que pode ter un home que non é especialmente agraciado en base aos cánones de beleza actualmente en vigor, pois non podemos dicir que esteamos diante dun Alain Delon do século XXI. 

 

Moitos pregúntanse nestes días como pode ser que o presidente francés François Hollande teña tempo para poñerlle os cornos á súa actual parella  a xornalista Valérie Trierweiter  coa actriz Julie Gayet, e xunto con esa referencia á falla de tempo que se lle presupón ao máximo mandatario dunha potencia mundial que debe andar enfrascado en centos de cuestións urxentes e importantes propias da súa xestión, tamén  hai quen a esa pregunta engade outra nun ton de non disimulada envexa ao interrogarse sobre cales serán as cualidades amatorias que pode ter un home que non é especialmente agraciado en base aos cánones de beleza actualmente en vigor, pois non podemos dicir que esteamos diante dun Alain Delon do século XXI. 

"Aos millóns de franceses e francesas que confiaban nas súas promesas de traballar para poñer fin a esa Europa da austeridade Hollande tamén lles puxo os cornos, amigándose nesta ocación coas atractivas políticas neoliberais".

Aínda por riba non é a súa primeira infidelidade e non sabemos se será a última. Non se coñecen escenas semellantes á tan rocambolesca situación de sair clandestinamente do Palacio do Eliseo en moto acompañado polo escolta para ir visitar á amante a unha vivenda non moi lonxana na que manteñen o seu niño de amor, pero é público que en 2007  o seu matrimonio coa tamén dirixente socialista e candidata presidencial naquel ano Ségolène Royal coa que tivo catro fillos rachou, despois de varios anos de infidelidade dun Hollande que mantiña desde 2003 unha relación sentimental coa agora agraviada e daquela agraviadora Valérie Trierweiter.

Pero os affaires nos que está metido non rematan aquí, o 7 de maio de 2012 François Hollande gañaba as eleccións á Presidencia da V República Francesa tras 17 anos de presidencias da dereita; un xornal español titulaba ese día “A vitoria de Hollande marca a senda do “cambio” para Europa”  e no seu primeiro discurso o gañador dicía “hai que poñer fin á Europa da austeridade”. Ese triunfo electoral e esas palabras que eran unha agradábel melodía para millóns de franceses e francesas traspasaron as fronteiras e fixeron que en Europa moita xente albiscara un raio de esperanza no acceso dun socialdemócrata á Presidencia do segundo estado máis forte da Unión Europea, momento no que ademais moitos políticos europeos socialdemócratas empezaron a saltar de alegría dado que Hollande era un dos deles e vían na súa vitoria o inicio da alternancia e da recuperación de cotas de poder.

"Enganou sen dúbida a Ségolène Royal hai uns anos, a millóns de franceses e francesas na campaña electoral de 2012 e a Valérie Trierweiter agora".

Pero desgraciadamente aos millóns de franceses e francesas que confiaban nas súas promesas de traballar para poñer fin a esa Europa da austeridade Hollande tamén lles puxo os cornos, amigándose nesta ocación coas atractivas políticas neoliberais. O aumento dos impostos aos máis ricos podendo chegar ao 75% e a creación de 100.000 novos postos de traballo que empregara como atractivas bandeiras electorais mudaron nunha chea de recortes e de medidas favorábeis ás grandes empresas anunciadas tan só dous meses despois do seu acceso á presidencia en 2012 e que nunha segunda fase bautizou hai só uns días como necesario “pacto de responsabilidade” que conlevará recortes na administración de 50.000 millóns de euros até 2017, redución das cotizacións sociais das empresas, aumento do tempo de cotización para poder cobrar a pensión de xubilación, etc…  

Como podemos comprobar Hollande é un experto nesa arte de namorar e deixar na estacada a quen del se namora, pero sendo sinceiros debemos recoñecer que hai a quen enganou de verdade e hai quen tamén se deixou enganar, sendo o caso dos últimos incríbel coñecendo o seu historial de vida licenciosa.

Enganou sen dúbida a Ségolène Royal hai uns anos, a millóns de franceses e francesas na campaña electoral de 2012 e a Valérie Trierweiter agora.

Deixáronse enganar aquel@s que non dan aprendido e teimosamente cren que a socialdemocracia é alternativa ao neoliberalismo e á política de recortes, pois seguen pechando os ollos voluntariamente sen asumir dunha vez por todas que conservadores, liberais e socialdemócratas son pezas necesarias do mesmo entramado de poder da Unión Europea.

Comentarios