Opinión

Os EUA deixaron caer a Juan Guaidó

"Hoxe 23 de xaneiro de 2019, xuro formalmente como Presidente encargado de Venezuela". Esas palabras pronunciadas por un case descoñecido Juan Guaidó nunha praza de Caracas ao remate dunha manifestación opositora sorprenderon ao mundo hai catro anos. Daba a impresión de estarmos diante dun lunático, pero ás poucas horas, ao pronunciárense no seu apoio os EUA seguidos de Colombia, Chile, Brasil, Paraguai, Perú, Ecuador, Canadá ou a Organización de Estados Americanos-OEA, recuperámonos da sorpresa inicial.

O perfil político dos gobernos que manifestaban o seu apoio ao autoproclamado Presidente encargado facía ver que non era un louco; estaba poñéndose en marcha unha nova operación teledirixida desde Washington co obxectivo de derrubar o presidente da República Bolivariana de Venezuela.

Nos días e semanas posteriores outros estados e organismos internacionais uníronse, chegando até sesenta os que dun ou de outro xeito mostraron o seu recoñecemento a Juan Guaidó como presidente de Venezuela. Destacando, como non podía ser menos, a Unión Europea, que demostraba unha vez máis a súa submisión ás decisións dos EUA. E na UE salientar o papelón do presidente do goberno español Pedro Sánchez, que, nun xesto máis propio de chulo de taberna que de estadista, dous días despois da autoproclamación de Guaidó ameazou ao presidente Nicolás Maduro dándolle un prazo de oito días para que convocara eleccións.

A crise enerxética mundial derivada da guerra na Ucraína fai aumentar o valor das reservas petrolíferas venezolanas, e por tanto os EUA deben mudar a súa actitude

Tras as tentativas de desestabilización das guarimbas de 2014 e 2017 que provocaron centos de mortes e tiñan como obxectivo buscar un enfrontamento civil, e despois de varios magnicidios falidos, poñíase en marcha unha nova operación, buscando crear a imaxe ficticia de que en Venezuela había dous gobernos, un ditatorial presidido por Nicolás Maduro, e outro democrático e lexitimado internacionalmente presidido por Juan Guaidó; manifestando este último que tiña como único obxectivo convocar eleccións en canto fose posíbel, chegando a marcarse un prazo de seis meses para facelo.

Nos primeiros dous anos os EUA, co apoio entusiástico da UE, despregaron un conxunto de actuacións que buscaban por unha banda dar a impresión dunha dualidade real de poderes, e por outra unha degradación tal das condicións de vida en Venezuela que desembocase nun estoupido social; chegando incluso a barallarse a posibilidade dunha intervención militar para salvar o pobo venezolano do sátrapa Maduro.

Creouse unha estrutura ficticia de embaixadas, ministerios, direccións de empresas estatais, superpoñéndose ás estruturas lexítimas da República Bolivariana de Venezuela. Ademais, Guaidó foi recibido por distintos estados como verdadeiro presidente, pero era unha simple farsa, e durante ese tempo non conseguiu o apoio da poboación, sendo ademais incapaz de manter unida á oposición de dereita.

Unha farsa que non funcionou no propio país, pero serviu de escusa para adoptar no exterior decisións lesivas para os intereses do pobo venezolano; destacando a decisión da xustiza británica de impedir ao goberno de Maduro o acceso ás reservas de ouro depositadas no Banco de Inglaterra, ou a aplicación de sancións económicas e comerciais que afectan sobre todo á industria petroleira.

Catro anos despois o único colapso que se produciu en Venezuela foi o dos soños do Presidente encargado, pois quen o alzou vén de deixalo caer. Os EUA son conscientes de que a operación Guaidó fracasou e deben buscar outros camiños, por iso promoveron a súa destitución e a eliminación do goberno interino hai uns días.

Hoxe o imperio ten outros intereses, a crise enerxética mundial derivada da guerra na Ucraína fai aumentar o valor das reservas petrolíferas venezolanas, e por tanto debe mudar a súa actitude cara unha Venezuela que nos últimos tempos está cada vez máis achegada a China.

Hai catro anos a Maduro chamábanlle o sátrapa venezolano e Guaidó era a esperanza democrática; hoxe Putin é o sátrapa ruso e a esperanza democrática chámase Zelenski. Mañá xa se verá.

Comentarios