Opinión

E por que non?

Hai uns días falaba cunha alumna que se presenta á ABAU e tentaba que se relaxase facéndolle ver que estaba dando todo o que podía para ter un bo resultado. É unha rapaza seria, organizada e que sempre mantivo un ritmo constante no estudo, pero retrucábame que todo iso que eu dicía xa o sabía, pero que ao mellor tiña unha boa nota na proba pero non suficiente para entrar na carreira da súa preferencia por ser demasiado alta a nota de corte; e diante dese posíbel desenlace dicía que tiña pedido o tempo estes dous anos con tanto estudo en vez de dedicarse a vivir como fixeron outros compañeiros. Pese á miña insistencia en que a vida non é unha carreira de velocidade non din conseguido que se animase.

Diante das eleccións ao Parlamento galego do 12 de xullo o pesimismo que atopo nalgunha xente aseméllase ao desa alumna. Vexo xente que o dá todo por perdido ao considerar segura unha vitoria do PP, cun derrotismo que dá sensación de que despois do 12 de xullo xa non haberá mundo.

Penso que nesa actitude inflúe o ambiente creado por uns medios de comunicación maioritarios en Galiza, que están comprados polo PP, e unhas enquisas amplamente divulgadas e cociñadas, que incluso no caso das máis fiábeis, teñen como obxectivo fundamental crear un estado de opinión determinado que permita direccionar o voto.

Pero tamén as novas tecnoloxías que o invaden todo levan a converter o inmediatismo en norma; todo ten que ser para xa, chamamos cinco minutos antes de chegar a casa para avisar de que chegaremos en cinco minutos, actualizamos ducias de veces ao longo do día o correo electrónico presos dunha urxente necesidade como se agardásemos algo importante que realmente non estamos agardando. Este inmediatismo cada vez máis xeneralizado lévanos ás veces a adoptar actitudes propias da adolescencia, caéndosenos enriba o mundo se non conseguimos inmediatamente o obxectivo marcado.

Non vou negar que o PP semella estar en mellor situación que no mes de marzo; viuse favorecido pola xestión errática da covid-19 por parte do goberno español, soubo aproveitar de xeito demagóxico o afloramento do centralismo rancio da esquerda estatal e Feijoo ten unha gran capacidade para poñerse de perfil cando hai un problema. Pero non creo que estea todo escrito, os efectos da covid-19 e da chamada nova normalidade sobre os que tanto se ten falado e escrito están aí, e ninguén ten a certeza de como afectarán ás eleccións.

O futuro constrúese día a día, e os prognósticos non sempre acertan. Sábeo ben o nacionalismo galego ao que impartiron tantas veces a extrema unción que chegaron a baleirar os recipientes que contiñan o óleo sagrado. E non falo da antigüidade, lembremos que hai catro anos dábase ao BNG por amortizado pola forte irrupción da chamada nova política, concedéndolle unha presenza residual no Parlamento Galego. Pero o BNG foi quen de vencer os prognósticos.

Nestes catro anos resistimos a enxurrada grazas á capacidade dunha militancia e unha base social espallada polo país, afeita a pelexar en condicións complexas e con confianza en que Galiza ten futuro coa aplicación de políticas alternativas. Catro anos nos que un grupo parlamentario reducido demostrou capacidade e intelixencia para multiplicarse, e cunha portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta que foi quen de desterrar moitos tópicos sobre o nacionalismo galego.

Catro anos de traballo que devolveron a Galiza a voz propia na política estatal, e non o digo por unha ansia de exclusividade senón porque a realidade amosa quen defende os nosos intereses como pobo e quen asume docilmente decisións que nos prexudican.

A proba do 12 de xullo é parte dunha avaliación continua e non somos os únicos que participan, pero ocupémonos nos días que restan de seguir facendo o noso traballo, levamos unha boa progresión e non hai muros infranqueábeis.

Todo o mundo coincide en que o nacionalismo medra e sairá moi fortalecido; nada nos foi regalado e somos conscientes de que abrir a porta a unha nova Galiza liderada polo BNG non é fácil, pero tampouco é unha quimera.

Comentarios