Opinión

Do "sobra o Ministerio de Defensa" á cimeira da OTAN en Madrid

Hai uns días, coa pompa propia das grandes ocasións, celebrouse o 40 aniversario da entrada do estado español na Organización do Tratado do Atlántico Norte, OTAN. Nese festexo Pedro Sánchez demostrou unha vez máis a capacidade que ten o PSOE para disfrazarse; representando sen problema papeis antagónicos e dando a entender que para eles os principios políticos son só parte do atrezzo necesario para a obra de teatro na que queren converter a actividade política. E non puido escoller mellor escenario  para a interpretación que o Teatro Real de Madrid, onde celebraron o evento.

Sinalo que demostrou a capacidade do PSOE para disfrazarse dunha cousa ou da contraria en función exclusivamente da súa comenencia, porque Pedro Sánchez defende a OTAN e móstrase orgulloso de ser anfitrión da celebración da próxima cimeira desa organización militar a finais do presente mes, reunión que con seguridade vai afondar no Novo Concepto Estratéxico desa organización, avanzando na súa política agresiva co obxecto de manter a hexemonía de quen verdadeiramente move os fíos da mesma. Sendo o mesmo Pedro Sánchez que en 2014, en entrevista nun xornal español de dereitas, á pregunta de que notaba en falta e que consideraba que sobraba no goberno de Mariano Rajoy, respondía que botaba en falta maior orzamento para atender a pobreza e a violencia de xénero e sobraba o Ministerio de Defensa.

Ese Pedro Sánchez que hai uns días pronunciou un discurso belicista que contou co aplauso entusiástico de José María Aznar, alí presente. Falou da urxente necesidade de armarnos contra un grave e inminente perigo, pois "hoxe a nosa seguridade está ameazada polo réxime de Putin, e hai que reforzar a nosa capacidade de  disuasión con máis investimento en defensa"  afondando na estratexia de infundir medo á poboación para que defenda que "apoiar a Ucraína con determinación é a única maneira de garantir que a Europa e o mundo que construímos teñan un futuro seguro", e por tanto asuma que fortalecer a OTAN e aumentar o gasto militar, até chegar ao 2% do Produto Interior Bruto é a necesidade máis urxente que ten o estado español.

O seu discurso non é algo illado, senón que vai transportado e amplificado por toda a mediática que nos traslada que en Ucraína o que está en xogo é se gaña a maldade, representada por Vladimir Putin, ou a bondade representada por Volodímir Zelenski. Un discurso simple e infantil, que entra moi ben na maioría da sociedade, que desgraciadamente nas últimas décadas foi perdendo o seu espírito crítico, e á que os  ritmos nos que se move o mundo impide dedicar o tempo necesario á análise dos acontecementos.

A crise de 2008 volatilizou as expectativas de moitas persoas, que pasaron de considerarse clase media a caer ao abismo da clase traballadora precarizada; persoas con titulación universitaria viron como o de ser triunfador ou emprendedora era un discurso trampón; a pandemia da Covid, a estafa do prezo da enerxía, o aumento exponencial do custo dos produtos básicos.... Son todo desastres que recibimos como impactos continuos que impiden recuperarnos e reflexionar. Explicouno moi ben Naomi Klein na súa Doutrina do shock;  todo forma parte das técnicas empregadas na chamada guerra de cuarta xeración, co obxecto de construír estados de opinión que favorezan a adopción de determinadas medidas.

Hoxe é unha realidade que moitísimas persoas que están no desemprego, ou que ven día a día como os seus aforros van reducíndose debido á suba incontrolada de prezos, manifestan que a súa maior preocupación é a guerra de Ucraína; responsabilizando á agresión rusa dunha situación de crise que é moi anterior ao 24 de febreiro. Persoas que diante da decisión do PSOE de aumentar até os 24.000 millóns de euros o gasto militar, non van preguntar en que se vai recortar para conseguir eses cartos. Vano aplaudir, ao consideralo necesario para defendernos do perigo de que o sátrapa ruso poida entrar pola porta das nosas casas calquera día.

Comentarios