Opinión

Os BRICS móvense

O pasado día 15 o Parlamento Europeo reunido en Bruxelas elexía por ampla maioría a  Jean-Claude Junker como presidente da Comisión Europea, unha decisión que deixa ver cal é a verdadeira faciana dunha Unión Europea que nunha época de profunda crise económica e social premia coa responsabilidade política máis importante da súa estrutura a un declarado defensor dos paraísos fiscais que non en van foi ministro de finanzas e  primeiro ministro dun deles, o Gran Ducado de Luxemburgo.

O pasado día 15 o Parlamento Europeo reunido en Bruxelas elexía por ampla maioría a  Jean-Claude Junker como presidente da Comisión Europea, unha decisión que deixa ver cal é a verdadeira faciana dunha Unión Europea que nunha época de profunda crise económica e social premia coa responsabilidade política máis importante da súa estrutura a un declarado defensor dos paraísos fiscais que non en van foi ministro de finanzas e  primeiro ministro dun deles, o Gran Ducado de Luxemburgo.

"Os BRICS crearon o Novo Banco de Desenvolvemento (NBD) e o Acordo de Reservas de Continxencia (ARC), dous instrumentos financieiros que lles permitirán deixar de ser dependentes nese ámbito do FMI e do Banco Mundial"

Ese mesmo día a 7300 qm da capital da Unión Europea, na cidade brasileira de Fortaleza, reuníanse os BRICS (acrónimo para referirse á alianza formada por Brasil, Rusia, India, China e África do Sul) na súa 6ª Cimeira e adoptaban decisións económicas e políticas moi importantes profundizando na súa liña de fomentar o multilateralismo e poñer freo á expansión imperialista dos Estados Unidos  que é docilmente seguida pola Unión Europea e o Xapón.

En Fortaleza os BRICS crearon o Novo Banco de Desenvolvemento (NBD) e o Acordo de Reservas de Continxencia (ARC), dous instrumentos financieiros que no momento en que se poñan en marcha permitiranlles deixar de ser dependentes nese ámbito do Fondo Monetario Internacional e do Banco Mundial e protexer as súas transaccións comerciais dos problemas que poida ter o dólar como moeda das transaccións comerciais internacionais. 

Este paso é consecuencia dunha decisión adoptada na anterior reunión ao máximo nivel dos BRICS celebrada en 2013 en Africa do Sul e despois de comprobar a imposibilidade real de mudar as regras de funcionamento dun FMI que está totalmente supeditado aos intereses dos Estados Unidos e dos supostos políticos económicos e sociais neoliberais tal e como se pode comprobar en todos os países sometidos a unha intervención do FMI ou nas distintas recomendacións e informes emitidos por esa institución.

"Os cinco estados que conforman os BRICS suman máis do 40% da povoación mundial, representan o 19% do PIB mundial e calcúlase que no seu territorio está o 36% da materia prima do planeta"

Xunto con esas decisións no ámbito económico-financieiro a declaración de Fortaleza profundizou nun dos obxectivos básicos dos BRICS, abrir camiño cara un mundo no que as relacións internacionais se baseen na “multipolaridade transparente, democrática e eficaz”, en palabras da presidenta brasileira Dilma Rousseff, e remate a hexemonía do imperialismo estadounidense; nese sentido temos aínda moi recente a actuación de dous membros dos BRICS, China e Rusia, que no pasado outono coa súa actuación impediron a decidida intervención militar directa de EEUU en Siria.

Facer unha valoración positiva da existencia dos BRICS e das decisións adoptadas en Fortaleza non nos leva  a manter unha actitude confesional para con esta alianza nin a apoiar os seus sistemas políticos e económicos ou a esquecer as grandes  diferenzas existentes entre eles, pero sería de cegueira total esquecer que na actualidade os cinco estados que conforman os BRICS suman máis do 40% da povoación mundial, representan o 19% do PIB mundial e calcúlase que no seu territorio está o 36% da materia prima do planeta. Aínda que só sexa por esas magnitudes a existencia e as decisións adoptadas polos BRICS deben ser acompañadas con interese. 

Como sinalaban moi atinadamente hai uns días os comunistas venezolanos nunha declaración política “A confrontación Nación-Imperialismo e a confrontación Capital-Traballo, seguen sendo as contradicións básicas na loita de clases internacional, e actualmente esta ten as súas expresións máis claras, por unha banda, na ofensiva do imperialismo polo seu reposicionamiento global -a través de guerras de dominación- e, por outra banda, no desenvolvemento da multipolaridade mediante a aparición e articulación de bloques emerxentes do capital como o BRICS.”

Comentarios