Opinión

Benefactores, caridade e sociedade medieval

Nas últimas semanas levantouse unha importante polémica diante da doazón por parte da Fundación Amancio Ortega de máquinas para diagnóstico e tratamento do cancro por valor de máis de 11 millóns de euros á sanidade pública; houbo quen denunciou que era unha actitude hipócrita para lavar a cara por parte de alguén que, valéndose dunha enxeñería fiscal sempre de acceso doado para os poderosos, contribúe coa facenda pública con cantidades proporcionalmente moi inferiores ás que paga un traballador ou traballadora; por non falar do domicilio de algunhas das súas empresas en paraísos fiscais. Pero todo isto está dentro da máis estrita legalidade como non podía ser menos en alguén a quen lle foi concedida a Gran Cruz da Orde do Mérito Civil.

Nese debate moitas persoas dicían que criticar esa doazón era propio de resentidos, persoas que non saben o que significa a lacra do cancro ou seres inhumanos.

Este día un comentario meu nunha rede social ao respecto de outra actuación desa mesma Fundación buscando cincuenta “profesores innovadores” provocou outro debate, neste caso sobre o ensino, debate no que algunhas persoas dicían que medidas como esa son moi positivas e que o problema real está en que non hai moito profesorado que aposte por innovar.

Estes dous feitos leváronme a reflexionar sobre o tipo de sociedade no que estamos vivindo, unha sociedade que se auto-define como moderna e do século XXI pero que á hora da verdade empeza a parecerse cada vez máis á sociedade medieval na que os súbditos tiñan que asumir que a súa situación de dependencia era inmutábel por decisión do Deus Creador Todopoderoso e como moito debían orar para que o señor feudal tivera a ben, con motivo do casamento dunha filla ou da vitoria nunha batalla, concederlles unhas frangullas.

Esta é unha sociedade que se auto-define como moderna e do século XXI pero que á hora da verdade empeza a parecerse cada vez máis á sociedade medieval

 

Ter sanidade pública e universal de calidade é un dereito, hoxe vulnerado por quen nos goberna que por medio dos recortes orzamentarios e de persoal pon en perigo a vida de milleiros de persoas, xa sexa pola tardanza en diagnosticar ou por unha necesaria intervención que non chega.

Dotar ao ensino público dos medios para que poida cumprir a súa función social é unha obriga de quen goberna e un dereito do pobo nunha sociedade moderna; formarse é unha obriga do profesorado, dotarnos de formación axeitada para atender á realidade e ás novas problemáticas coas que nos atopamos nas aulas é unha obriga de quen goberna pero hoxe somos os traballadores e traballadoras do ensino quen pola nosa conta temos que buscar esa formación tan necesaria.

Na sociedade estamental correspondíalle ao clero a función de manter a estrutura social e facíao moi ben, a meirande parte dos non privilexiados que integraban o terceiro estado convencíanse da necesidade de asumir ese designio divino, sen queixarse nin rebelarse e cumprindo coa función asignada.

Hoxe esa función de controlador e mantedor do sistema non a realiza a Igrexa, quedaría mal nunha sociedade tan moderna e avanzada

 

Hoxe esa función de controlador e mantedor do sistema non a realiza a Igrexa, quedaría mal nunha sociedade tan moderna e avanzada. Hai outros instrumentos que combinados permiten agachar o que non interesa e resaltar o que convén, entre estes instrumentos están a publicidade, os medios de comunicación integrados no sistema e esa idea instalada en moita xente de que no século XXI temos toda a información e ninguén nos pode enganar.

Se no medievo a esperanza dos non privilexiados era cumprir co seu deber e asumir a súa triste existencia agardando por un reino dos ceos no que o todopoderoso os recompensaría, na actualidade ese reino dos ceos moitos pensan que está na terra, na idea de que podemos triunfar sempre e cando asumamos conceptos como innovación e emprendemento, e de non conseguilo deberase única e exclusivamente á nosa incapacidade.

Comentarios