Opinión

E o 25 que?

Achégase o día das eleccións e resta pouco tempo para decidir; votar?, non votar?, para que votar?, como votar?, a quen votar?. 

Achégase o día das eleccións e resta pouco tempo para decidir; votar?, non votar?, para que votar?, como votar?, a quen votar?. 

Considero que votar é importante pois trátase dun dereito conquistado co esforzo e o sacrificio de quen antes ca nós loitaron por mellorar esta sociedade. Por tanto non votar para min é perder unha oportunidade de decidir sobre o futuro e deixar ermo un importante campo de actuación política.

"Non son todos iguais e por tanto non dá o mesmo votar por uns ou por outros, debemos desterrar con argumentos contundentes esa idea derrotista" 

Nestes días moita xente pregúntase para que votar? se a situación da sociedade en conxunto cada vez é peor debido aos efectos da crise sistémica e do proceso globalizador que a precedeu e que sigue actuando. Total non paga a pena ou todos son iguais escoitase a cada pouco e quen o din están facendo de xeito inconsciente de transmisores dunha mensaxe fabricada polos ideólogos e creadores de opinión deste sistema opresor. 

Non son todos iguais e por tanto non dá o mesmo votar por uns ou por outros, debemos desterrar con argumentos contundentes esa idea derrotista pero ao facelo tampouco podemos alimentar ilusións falsas prometendo que isto vai rematar se votamos a determinada opción por ser a máis revolucionaria, a máis rupturista ou a que pode despois do 25 de maio darlle a volta a isto. Esas mensaxes efectistas poden conseguir o voto da desesperación na que se atopa moita xente pero rematan por deixar terreo queimado cando ao pouco tempo esas persoas comproban que non é tan doado mudar a situación e que estamos librando unha guerra longa e difícil na que non hai nin variñas máxicas nin grandes líderes que nos poidan salvar. 

Como votar e a quen votar?

O de como votar? hai a quen lle pode parecer unha parvada pois todo o mundo sabe a estas alturas da película que se colle unha papeleta métese nun sobre e despois na urna; pero non me estou a referir ao proceso mecánico senón a desde que posición exercer o voto. Hai uns anos semellaba que todo estaba máis claro e que diante dunha Unión Europea na que se decidían moitas cuestións que nos afectaban como povo había que votar como galeg@s, é dicir, había que votar para garantir a presenza de Galiza por si mesma  sen intermediari@s. 

"É máis preciso aínda se cabe contarmos cunha voz propia que defenda o dereito de Galiza a ter un futuro como nación en Europa, e o dereito d@s galeg@s a desenvolver a nosa economía e acadar o benestar".

Sabemos dos prexuízos que tivo para Galiza a entrada no Mercado Común e a nosa situación ten empeorado ao sermos unha das nacións máis perxudicadas polos efectos da actual crise. A imposibilidade de desenvolver os nosos sectores produtivos básicos debido ás políticas definidas pola UE e o goberno español fixo que contemos con taxas de benestar das máis baixas de Europa como son as pensións, os salarios e os niveis de servizos, xunto cuns niveis de desemprego moi superiores á media en función da taxa de poboación activa e unha emigración que se achega á dos anos sesenta do século pasado. 

Por iso é máis preciso aínda se cabe contarmos cunha voz propia que defenda o dereito de Galiza a ter un futuro como nación en Europa, e o dereito d@s galeg@s a desenvolver a nosa economía e acadar o benestar. Unha voz coerente na súa denuncia deste modelo que nos queren vender como a única Europa posíbel cando a UE non deixa de ser un mercado ao servizo dos intereses do gran capital, no que non contan nin as nacións nin a clase traballadora nin a maioría social.

Hai un precioso lema empregado en Portugal que serve de resposta axeitada á última pregunta, ese lema é levar a luta ao voto; por iso diante da pregunta a quen votar? Está claro que debemos levar a luta ao voto apoiando o día 25 a quen está connosco pelexando o resto do ano. 

Temos por diante aínda anos duros, os de arriba queren seguir chuchando o noso sangue restándonos dereitos coa escusa de dar saída á crise, e diante desa loita non podemos caer na esquizofrenia de pelexar cunha xente na rúa e despois apoiar a outr@s nas urnas ou pasar de votar.

"Está claro que debemos levar a luta ao voto apoiando o día 25 a quen está connosco pelexando o resto do ano". 

O 17 de maio estábamos nas rúas de Galiza defendendo o dereito a vivirmos en galego e o 1 de maio facíámolo contra a pobreza e a explotación chamando á clase traballadora galega a facerlle fronte á Unión Europea.  Eses dous días fixemos un exercicio consciente de opción e optamos por  respostar activamente aos chamamentos das plataformas sociais que defenden o noso idioma e do sindicalismo nacionalista respectivamente. Eran dous días festivos e podíamos ter pasado de mobilizarnos ao considerar que o noso idioma non precisa de reivindicación ou ir co sindicalismo de obediencia española que é o que sae nos medios e fala de unidade aínda que despois nos venda. E non foi só neses dous días de maio, tamén noutras moitas ocasións ao longo do tempo facemos unha opción, porque aínda que as veces poida ser custoso sempre que facemos algo estamos optando.

Por iso o 25 a opción como galeg@s, a opción para construír unha Europa dos povos e das maiorías sociais, a opción para seguir loitando é a de garantir a presenza de Galiza no Parlamento Europeo coa voz de Ana Miranda, coa voz do BNG.

Comentarios