Opinión

Somos un pobo submiso?

Descoñecemos tamén o número de compatriotas mobilizados durante toda a contenda do Desastre de Annual

O vindeiro ano cumprirase o centenario do Desastre de Annual, cando as kábilas rifeñas encabezadas por Abd El Krim causaron mortos a moreas (aínda non se sabe con certeza cantos) ao fachendoso exército español; non poucos foron soldados de leva galegos, obrigados a loitar nunha guerra colonial allea provocada por oligarquías mesetarias e militares “africanistas” sedentos de imperio. Descoñecemos tamén o número de compatriotas mobilizados durante toda a contenda, mais deberon ser moitos porque é difícil atopar familia de ascendencia humilde sen lembranzas dalgún devanceiro naquel inferno. Tampouco sabemos o prezo pagado en vítimas, mais hai cifras arrepiantes que as sitúan en torno ao 15% das 35.000 baixas mortais do corpo expedicionario hispano; un castigo se cadra superior ao doutras zonas do Estado pois, daquela (1920), a poboación galaica só representaba a décima parte da española.

Algúns escritores e historiadores de cerna progresista, caso de Arturo Barea ou do inglés Sebastian Balfour, autor dunha obra esclarecedora, Abrazo Mortal, que considera a revolta rifeña como precursora da Guerra Civil, afirmaron que a maioría dos recrutas achantaron estoicamente a súa incorporación a filas e poucos opuxeron resistencia. Mais, nese manso colectivo, salientaron a actitude fatalista e submisa dos apolíticos (comparados con vascos e cataláns) sorches galegos, descritos como resignados “bueyes cansinos” sobre os que caera unha catástrofe esmagadora. Velaí, pois, a percepción dunha Galiza política e socialmente inocua, indefensa fronte o futuro golpe fascista de 1936. Unha visión que non só é allea, senón que inflúe, e non pouco, na consideración que temos de nós mesmas.

Non se deberían descartar na nosa memoria colectiva nin constantes resistencias ao servizo militar obrigatorio dende a súa implantación

Acaso máis unha vez paira a negra sombra dos sambenitos, dos estereotipos, superpostos á realidade do país: para sorpresa alén do Padornelo, Galiza rexistrou dende o ecuador do século XIX os maiores índices de prófugos e desertores do Estado español, fenómeno que ía paralelo á emigración masiva cara a América e Portugal. Daquela, no tempo de Annual case o 40% dos quintos chamados a filas non se presentaba, mentres a media hispana andaba polo 19%. Entre aqueles, persoas relevantes como Eduardo Blanco Amor (que se chamaba a si mesmo en rexouba “canciño desertor”) e Ramón Suárez Picallo.

Unha vez enrolada a galaica tropa e a despeito da imaxe despolitizada que aportan as devanditas interpretacións, non poucos soldados descubriron nas propias trincheiras a súa primixenia conciencia social, tal e como lles aconteceu a dous composteláns ben coñecidos: un dos fundadores do PC na Galiza, José Silva e o significado sindicalista Marcial Villamor. E algún houbo, caso do cabo José Sánchez Barros natural de O Burgo (Culleredo) e antigo desertor da Guerra de Cuba, que liderou revoltas no intre de embarcar para África. Aínda máis: aos poucos, albiscamos como nas resistencias contra mandos militares corruptos ou cuxo ascenso se acadaba a costa de sangue perdido, participaban soldados galegos. Velaí un feixe de rebeldes anónimos: os ourensáns José Ledo e Jesús Iglesias; os ferroláns José Loureiro e Arturo Esplúguez; o médico militar coruñés Gaspar Araújo e o seu colega afincado en Ourense Julián Bravo…

Tendo en conta a imposición na milicia da cultura supremacista propia do nacionalcatolicismo español (o culto católico e o idioma castelán eran obrigatorios), como non considerar resistentes aos soldados que lían noveliñas en galego e alentaban un dos mellores mercados da Editorial Nós, ou aos que, como Ben Cho Shey, teimaban na visibilidade da propia idiosincrasia nun contexto tan hostil?. Ao cabo, aquel periódico escrito a man en Dar Driouch por Rafael Dieste e Xosé Mª Brea que levou o rótulo de Charamuscas, seméllanos exemplar como testemuño dunha identidade compartida e perseverante.

Xaora, non se deberían descartar na nosa memoria colectiva nin constantes resistencias ao servizo militar obrigatorio dende a súa implantación (1837), nin un teimudo rexeitamento popular das mouras consecuencias das guerras coloniais en Cuba e Marrocos.

Resistente ou submisa, a xente galega?

Comentarios